Pico Maluro

Nome: Maluro
Lugar: Serra do Eixe
Enlace: PR-G 198

Descrición:
Maluro ( 1.931 metros sobre o nivel do mar).

No lombo sur do Maluro coñecido como a Serra da Mina e a Serra da Chaira, están situadas as antigas “minas dos alemás” ou Minas de Volframio de Vilanova (1918-1952). Este prezado mineral era esencial para a construción de armamento, de aí o máximo interese que mostraban os alemás neste tipo de minería.

Ascensión ao Maluro en inverno.

Nota histórica:
As comunicacións da Veiga internas e externas teñen sempre un eixo principal: comunicar as minas de volframio coas liñas ferroviarias máis próximas, co fin de levar o mineral ata a costa e poder embarcalo cara Alemaña.

Dende o Alto de Covelo (entrada natural da Veiga e coñecido daquela como “Mesón de San Bernabé”) a pista transitaba case polo actual trazado da estrada, e dende a mesma poboación da Veiga – tras cruzar o río Xares nas Chairas – recibía o nome de “Pista de las Minas Alemanas”. Así mesmo a estrada actual da Gudiña – Viana do Bolo – Petín, recibía o prosaico nome de “Carretera de La Gudiña al Ferrocarril de Palencia a La Coruña”.