Vilanova de Trevinca

Nome: Vilanova
Lugar: Vilanova – A Veiga
Enlace: PR-G 198
Información complementaria PR-G 198 (enlace)

Descrición:
A aldea de Vilanova é o comezo do PR-G 198 e permite achegarse ata algúns dos lugares máis importantes da ruta dos fuxidos.

As vivendas desta sinxela e pequena poboación, que se atopan xuntas formando estreitas e tortuosas rúas, están construídas en pedra e coroadas por cubertas de lousa sen elaborar. A igrexa, de advocación a San Pedro, é do século XVII. A súa altitude de 1200 metros sobre o nivel do mar e a súa proximidade coa serra de Pena Trevinca, confírenlle un clima suave no verán e cru no inverno.

Dende a aldea de Vilanova, a ruta PR-G 198 Ruta do Maluro e Pena Trevinca (sendeiro de montaña), parte do cruzamento da pista das Minas Alemás coa estrada que vai a Xares e A Ponte. Nese lugar atópase o panel con información dese percorrido.

Dende este punto pódense acadar o cumio do Maluro (dende o que contemplaremos as Morteiras e os Vales de Casaio), as Minas Alemás e as trincheiras do Lombo do Rocín.

Nota histórica
A Mina dos Alemás de Vilanova foi explotada para a obtención de volframio. Este é un elemento químico metálico, de cor gris clara, moi duro e denso, que ten o punto de fusión máis alto dos metais. É un material estratéxico e estivo na lista de produtos máis cobizados dende a Segunda Guerra Mundial.

A existencia desta mina configurou a rede viaria principal do Concello da Veiga.