Xares

Nome: Xares
Lugar: Xares – A Veiga

Descrición:
Lugar e parroquia de Santa María, é cruzado polo río do mesmo nome. Na marxe esquerda está a igrexa e as áreas recreativas e a piscina. Na marxe dereita está a poboación.

Nota histórica
O 28 de xuño de 1931 foron celebradas as eleccións para as Cortes Constituíntes da II República. A acción caciquil que impediu o exercicio do libre dereito a voto aos veciños de Xares, xerou tal malestar que foi a pedra de toque que empurrou á creación dunha sociedade de campesiños para frear os abusos dos caciques.

En menos dun mes foi constituída a Sociedade Agraria de Xares, que pronto acadou os 800 afiliados e foi unha das organizacións agrarias máis fortes de Ourense.

Esta asociación, pese á oposición das forzas reaccionarias, acadadou o reinicio dos traballos do camiño veciñal dende o Alto do Covelo ata Xares; apoiou as reivindicacións sobre a estrada de Viana ao Barco; traballou na reforma agraria poñendo en práctica a roturación do monte Acebedo de Xares para beneficio dos veciños máis pobres; nun importantísimo fito sen precedentes contratou un médico para os asociados e conseguiu unha farmacia propia.

Despois do golpe de estado de Franco o 17-18 de xullo do 1936 e do inicio dos enfrontamentos e persecucións, moitos veciños do municipio acudiron a Xares o 25 de xullo escapando dos gardas civís e falanxistas que entraron na Veiga e que viñan de Viana con bo armamento e unha metralladora. Co fin de evitar problemas aos veciños, mulleres e nenos, tódolos homes xoves e moitos vellos saíron apresuradamente de Xares entre os días 25 e 29 de xullo, e “polos camiños que conducían ao monte non cesaba a marcha dos fuxitivos.”*

Segundo indica Alfonso Ortega Prada nas súas memorias, o día 30 de xullo de 1936 uns 200 homes ben armados atacaron a aldea de Xares dende distintos frontes. Os poucos homes que quedaban na aldea puxéronse a salvo correndo, escapando polo río ou arrastras entre a vexetación. Afortunadamente non houbo baixas persoais a pesares da chuvia de disparos.

Logo comezou o saqueo e a barbarie, centrado principalmente nas casas dos votantes de esquerdas ou os relacionados coa Sociedade Agraria de Xares. Os atacantes destruíron casas, enxovais, reloxos de parede, máquinas de coser, libros, mataron animais domésticos, baleiraron bocois de viño polo chan, e na casa do galeno destruíron o instrumental médico e a farmacia.

Alfonso Ortega Prada cando escrebe quere deixar constancia de que: “entre los energúmenos abundaban médicos, maestros, abogados, comerciantes y los curas, así como los representantes de las familias más ricas y “honradas” no sólo del municipio de La Vega (sic), sino de Viana y Barco de Valdeorras. Y dicen que vienen defendiendo el orden y la justicia. Y traen el pecho plagado de medallas y cristos”.

*Ortega Prada, Alfonso [* 17/05/1902, † 03/01/1943]. (2007). Memorias de Alfonso Ortega Prada (Imprenta Plana). Fundación Luís Tilve.