O Acebal Negro

Acebal Negro

Nome: O Acebal Negro
Lugar: Xares – A Veiga
Enlace: PR-G 200 e PR-G 201

Descrición:
O Acebal Negro figura nos planos de principios do século XX na parte alta do val da Morteira, e nos actuais mapas máis próximo á Lagoa de Ocelo.

A principios do século XX e durante moitos anos, este éra parte do “camiño real”, nome que algúns veciños aínda lle daban hai 30 anos. Era o paso do gando que circulaba entre Xares e Puebla de Sanabria, camiño moi usado e que agora foi abandonado pola construción da pista e do valado do pechado cinexético de Xares.

Nota histórica
Conta Alfonso Ortega Prada que despois do 15 de outubro de 1936, cando caeran as primeiras nevaradas, os días eran moi curtos e as noites moi frías, escaseando os víveres, abandona cos seus compañeiros os Vales de Casaio e retorna ás proximidades de Xares.

Nos montes de Xares vivían máis de corenta homes fuxidos. Estaban distribuídos en grupos e construíran magníficas chabolas.

Axudaron a Alfonso e aos seus compañeiros a construir unha “nova residencia”, facendo unha vida social máis normal, vivindo confiados e alegres pensando que os fascistas non subirían ata alí.

Durou pouco. O 25 de outubro coñeceron que estaba preparándose unha gran batida. Decidiron disolverse e desaparecer do lugar.

*Ortega Prada, Alfonso [* 17/05/1902, † 03/01/1943]. (2007). Memorias de Alfonso Ortega Prada (Imprenta Plana). Fundación Luís Tilve.