A Lagoa de Ocelo

Nome: A Lagoa de Ocelo
Lugar: no camiño de Xares á Puebla de Sanabria.
Enlace: PR-G 200 e PR-G 201
Información complementaria PR-G 200 (enlace)
Información complementaria PR-G 201 (enlace)

Descrición:
A orixe da Lagoa de Ocelo data de hai miles de anos, cando, coa desaparición dos xeos das últimas glaciacións que formaban o casquete sobre os montes de Trevinca, os circos e morenas que quedaron deron lugar a este tipo de formacións.

Este tranquilo espazo hai menos dun século era moi transitado, xa que por aquí pasaba o «camiño real» que unía Xares coa Puebla de Sanabria, vía pecuaria de gran importancia.

O glaciarismo en Trevinca:
Hai entre 20.000 e 10.000 anos as superficies aplanadas dos altos de Trevinca estaban cubertas por un gran casquete de neve e xeo do complexo glaciario de Trevinca-Segundera-Cabrera que estendía linguas glaciares de lonxitude variable en todas direccións.

Estas serras son unha das máis importantes da península Ibérica pola abundancia de lagoas glaciares, só por detrás dos Perineos. Estas lagoas teñen a súa orixe na escavación dos xeos e as posteriores dificultades que algúns glaciares tiveron de drenar por causa de estaren obstruídos polas súas propias morenas, que actúan de barreira retendo a auga de escorrentía.

Nas marxes destas lagoas de orixe glaciar e nos terreos mal drenados aparecen formacións de turbeiras ou brañas, nas que se vai acumulando materia vexetal que en ausencia de osíxeno vai formando a turba. Trátase de hábitats considerados prioritarios pola Rede Natura 2000, que están presentes en pequenas superficies en illados redutos destas serras, sendo moi escasos e singulares na península Ibérica.

Nota histórica – Segredos de Trevinca:
Alfonso Ortega* e Odilo Rodríguez camiñan por estes paraxes cando nace o sol do día 28 de outubro de 1936, mentres marchan de Xares en dirección á Cabrera Leonesa buscando, erroneamente, un lugar máis seguro.

Xa caeran as primeiras neves. Avanzarán ata a Pena Trevinca, onde chegarán pola tarde, facendo noite nas súas proximidades baixo unha lua case chea.

*Ortega Prada, Alfonso [* 17/05/1902, † 03/01/1943]. (2007). Memorias de Alfonso Ortega Prada (Imprenta Plana). Fundación Luís Tilve.