Pena Trevinca

Nome: Pena Trevinca
Lugar: Punto máis alto da Serra (2127 m). Linde entre Ourense e Zamora.
Enlace: PR-G 198, PR-G 199 e PR-G 201

Información complementaria PR-G 198 (enlace)
Información complementaria PR-G 199 (enlace)
Información complementaria PR-G 201 (enlace)

Descrición:

Pena Trevinca – Peña Trevinca ( 2.127 metros sobre o nivel do mar).
Baixo este cumio nacen o río Xares cara ao oeste e o río Tera cara ao leste.

Nota histórica:
O día 28 de outubro de 1936 os fuxidos Alfonso Ortega de Xares e Odilo Rodríguez de Seoane camiñan por estes paraxes, onde xa caeran as primeiras neves, mentres marchan dende Xares en dirección á Cabrera Leonesa buscando, erroneamente, un lugar máis seguro.
Chegarán pola tarde, facendo noite nas súas proximidades.

Logo irán por riba do lago da Baña e chegarán ata o camiño, daquela moi transitado, de Cabrera a Valdeorras. A noite do 29 chegan ata a aldea de Fornas onde son recibidos e toman unha boa cea en casa amiga, pero retornan esa mesma noite pois a estancia naquel lugar tamén é perigosa.

A seguinte vez que temos novas de Alfonso no cumio de Trevinca é uns días máis tarde (supoñemos que o día 2 ou 3 de novembro): logo de regresar ata preto de Xares e atoparse nos Carrizais cos irmáns Alfredo e Francisco Rodríguez da aldea de Espiño, vai ata Casaio con Odilo e Francisco.
No regreso de Casaio, Odilo morre dun disparo de escopeta  nunha emboscada e Francisco e Alfonso foxen por separado, chegando Alfonso ata as proximidades deste cumio e xuntándose os dous sobreviventes no Xanzanal.

*Ortega Prada, Alfonso [* 17/05/1902, † 03/01/1943]. (2007). Memorias de Alfonso Ortega Prada (Imprenta Plana). Fundación Luís Tilve.