Lombo do Rocín

Nome: Lombo do Rocín
Lugar: Serra do Eixe
Enlace: PR-G 198, PR-G 199

Descrición:
Esta parte da serra é a que ten un carácter morfolóxico máis alpino: Foxo Castaño polo leste baixa máis de 400 metros de desnivel, e polo oeste no Foxo Grande (no val de Meladas) tamén descende abruptamente 200 metros.

Pola parte alta deste lombo transcorre unha senda, bordeada de restos de antigas trincheiras, que permite un paso seguro pero impresionante en época estival. No inverno adoita estar cuberta de neve e xeo, facendo o seu tránsito complicado ou imposible.

Lombo do Rocín no verán.

Nota histórica:
En novembro de 1936 as continuas batidas supuñan un perigo para os poucos fuxidos que aínda habitaban nos campamentos preto de Xares da Morteira, o Acebal Negro e Carrizais, polo que Alfonso Ortega* e seis fuxidos máis deciden agacharse nos Vales de Casaio onde teñen mellor agocho.

Parten ás 0:00 horas do domingo 29 de novembro de 1936 gozando dunha noite clara e de lúa chea, pero cun frío que corta a pel. Bordean o val do río Xares para evitar achegarse á aldea da Ponte e as Minas dos Alemás, e chegan ao amencer ata o Xanzanal camiñando penosamente sobre neve xeada.

Na parte superior do Foxo Castaño decátanse de que é imposible baixar e deciden avanzar polo Lombo do Rocín para logo descender ás Morteiras (da zona de Maluro – Casaio) e aos Vales.

No Rocín a neve estaba conxelada e Alfonso e un rapaz de Edreira esvaran e caen pola pendente: o de Edreira queda suspendido suxeito a uns arbustos e Alfonso consegue cravar o seu paraugas a modo de piolet. Nun rescate heroico e con moita sorte os compañeiros son capaces de salvalos. Todos rematan pasando este emblemático lugar tallando chanzos no xeo cun machete cubano.

Cando meses e anos máis tarde os fuxidos xa se converterán nunha resistencia organizada, este lugar servirá, mediante a instalación de trincheiras, para controlar os accesos da serra e coma bastión facilmente defendible fronte ás batidas das forzas vencedoras.

*Ortega Prada, Alfonso [* 17/05/1902, † 03/01/1943]. (2007). Memorias de Alfonso Ortega Prada (Imprenta Plana). Fundación Luís Tilve.